jueves, 9 de noviembre de 2017

HISTORIA DO MAGOSTO

O magosto é unha festa tradicional de Galicia  e, noutras zonas do norte e oeste da Península Ibérica. É tamén unha festa moi popular en Portugal, o magusto.
Os elementos  principais desta celebración son  a castaña e o lume.
Con esta festa a castaña recupera a súa  importancia, que o millo e a pataca foron quitando a partir do  descubrimento de América.
Desde tempos moi antigos o home alimentouse de castañas e landras. Coa expansión do cultivo de castiñeiros polos romanos, o seu froito converteuse na base da alimentación da poboación, como froito fresco, seco ou moído para facer fariña.
No século XV e XVI coa chegada do millo e a pataca de América fixeron que as castañas perdesen o seu protagonismo na alimentación campesiña.
A palabra Magosto  procede do latín : Mágnus Ustus , que significa gran lume  ou tamén de Magum Ustum que resalta tamén a maxia do lume.
Tradicionalmente esta festa realizábase coa recollida deste froito e servía  como agradecemento pola colleita recibida.
A festa consiste en realizar unha fogueira e, unha vez hai brasas, colócase sobre elas un cilindro metálico ou placa metálica con buracos na súa base. Sobre este recipiente, esténdense as castañas ás que previamente se lles realizou un corte nun extremo para que non salten ou exploten. Unha vez asadas pélanse e cómense.
É común tiznarse a cara cos restos da fogueira, saltar as fogueiras, xa que trae sorte, así como realizar diferentes xogos tradicionais, contar contos e cantar cancións populares.
O Magosto, como tantas festas populares, ten connotacións máxicas. Antigamente celebrábase o Día de Todos os Santos, xunto a cemiterios e igrexas .
Para os antigos a castaña simbolizaba  a inmortalidade  porque provén dunha árbore de longa vida : o castiñeiro. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.

O MAGOSTO NO CÍES 2024